Detalle

A Deputación asina un convenio con Moaña para a realización dunha réplica do tímpano de San Martiño

A réplica do tímpano, cuxo orixinal data do século XIII e que fará a Escola de Cantería, colocarase nos xardíns da Escola de Música de Moaña

07 de novembro de 2017

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a alcaldesa de Moaña, Letizia Santos, asinaron o convenio para a realización dunha réplica do tímpano de San Martiño valorada en máis de 6.000 euros e que será colocada nos xardíns da Escola de Música de Moaña, antiga reitoral da igrexa de San Martiño. A obra, que comezará a elaborarse na Escola de Cantería, será unha copia do tímpano orixinal do século XIII que se conserva no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.

A presidenta e a alcaldesa coincidiron en sinalar a importancia de poñer en valor o traballo do alumnado da Escola, que será quen leve a cabo os traballos de elaboración e instalación da réplica, traballo que ademais vai reverter a favor das administracións públicas e contribuír ao embelecemento do concello do Morrazo. Ademais, tanto Silva como Santos destacaron a importancia deste novo elemento para poñer en valor a rica historia e patrimonio cultural de Moaña.

A réplica do tímpano, que se colocará nos xardíns da Escola de Música de Moaña, presentará, ao igual que a orixinal, no anverso a San Martiño e no reverso unha cruz adornada con círculos con flores. O auténtico tímpano, obra do século XIII románica de transición ao gótico, foi esculpido por artistas portugueses que traballaron na catedral de Tui e elaborado para unha porta exterior da sancristía que lle foi engadida á igrexa románica. Coa reforma barroca da igrexa, a porta foi derrubada e o tímpano foi transportado ao novo muro de sustentación das tres capelas ata o seu traslado ás ruínas de San Domingos en Pontevedra.