Detalle

A Deputación asina un convenio con Vilaboa para a realización dunha fonte en homenaxe ao "Entroido de Cobres"

A fonte de pedra, que será construída pola Escola de Cantería, será colocada no entorno da Casa da Cultura de Riomaior

20 de octubre de 2017

Convenio con el Ayuntamiento de Vilaboa

A Deputación de Pontevedra acaba de asinar co Concello de Vilaboa un convenio para a realización dunha fonte de pedra valorada en preto de 6.000 euros e que será colocada na Casa da Cultura de Riomaior. A obra, que comezará a elaborarse na Escola de Cantería, renderá homenaxe ao "Entroido de Cobres", declarado de interese turístico.

A deputada de emprego e delegada da Escola de Cantería, Montse Magallanes e o alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro, coincidiron en sinalar a importancia de poñer en valor o traballo do alumnado da Escola, que será quen leve a cabo os traballos de elaboración e instalación da fonte, traballo que ademais vai reverter a favor das administracións públicas ou asociacións sen ánimo de lucro e contribuír ao embelecemento dos concellos da provincia. Ademais, ambos resaltaron a importancia deste novo elemento para poñer en valor un dos festexos con maior capacidade de atracción turística no inverno nas Rías Baixas, como é o "Entroido de Cobres".

A fonte será construída en pedra e instalada en muro do mesmo material e renderá homenaxe ao Entroido de Santa Cristina de Cobres, declarado de interese turístico. Contará cun busto homenaxe en relevo no que se representa ao personaxe do entroido coñecido como "Manolo". Está previsto que antes da celebración dos festexos de entroido, é dicir, en febreiro de 2018, poida inaugurarse este novo elemento arquitectónico de Vilaboa.