Detalle

A Escola de Cantería participará na Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas

O centro educativo da Deputación de Pontevedra participará no certame, que terá lugar en febreiro, xunto con outras 12 propostas formativas

29 de outubro de 2017

Escola de Canteria

A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra será unha das protagonistas da Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas que terá lugar os días 5 e 6 de febreiro de 2018 en Ponteareas. Durante estes días, as mozas e os mozos que acudan á feira, poderán coñecer de primeira man a oferta formativa deste centro educativo da institución provincial.

Máis polo miúdo, durante o 5 e 6 de febreiro de 2018 representantes da Escola de Cantería da Deputación darán a coñecer as ensinanzas que o centro oferta, é dicir, os títulos de Canteiro e Canteira e de Mestre Canteiro e Mestra Canteira ao alumnado de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro e segundo de bacharelato da comarca. Para acadar estes títulos, ademais de recibir formación para aprender a traballar a pedra e estimular a vocación artística, impártense cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática.

A formación que o alumnado recibe na Escola de Cantería é eminentemente práctica e así, moitas das súas obras de arte, como cruceiros, monólitos, conxuntos escultóricos, bustos, peañas ou construcións arquitectónicas están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar na restauración do Capitolio de Washington, a restauración do barrio de Chiado de Lisboa, traballos de rehabilitación da Catedral de Santiago, a construción da Sagrada Familia de Barcelona e tamén na Catedral de Westminster, de Londres.

Xunta á Escola de Cantería, participarán tamén na Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas de Ponteareas o Conservatorio de Música de Vigo, a Escola de Música Mayeusis, o Colexio Marcote, a Escola de Moda Goymar de Vigo, Sanitec Vigo, a Escola Oficial de Idiomas de Vigo, a Escola Técnica de Xoiería de Vigo, o Centro de FP de Salvaterra de Miño, o Centro de Formación Profesional A Cancela, o Centro de Formación Profesional Pedra da Auga de Ponteareas, o Centro de Formación Profesional As Neves e CIFP Manuel Antonio de Vigo.